POR+VIDA, a asociación con máis participantes que chegaron á meta na 6ª Carreira da Muller
Máis de 150 mulleres da entidade tomaron parte na cita
18-09-2018
A Asociación Oncohematolóxica de Fene POR+VIDA vén de acadar dous premios na 6ª Edición da Carreira da Muller celebrada na cidade de A Coruña o pasado domingo, 16 de setembro. POR+ VIDA leva participando seis veces, as mesmas edicións que se leva celebrando a carreira na cidade herculina e, nos cinco últimos anos, o Concello, a través da Concellería de Benestar Social e Igualdade, colabora no proxecto poñendo a disposición das participantes dous autocares.
Este ano o percorrido foi o mesmo do ano pasado, con saída e chegada á meta ós pés do estadio de Riazor, ata a altura da Torre de Hércules, de algo máis de 6 kms. O total de participantes de POR+VIDA foi de 151 mulleres, sendo a máis nova de 12 anos e de 82 a participante máis veterana (que levou premio no ano 2013 como a muller con mellor tempo de chegada con maior idade).
Os premios colleitados nesta edición foron o primeiro como asociación con máis participantes que chegasen á meta (dentro do tempo establecido no regulamento da carreira) e o terceiro premio como asociación con mellor tempo de chegada. Dende o Concello de Fene felicítase ás participantes e, nomeadamente á asociación, pola súa implicación.