O Concello de Fene abre mañá o prazo para solicitar o bonobús universitario

O Concello de Fene abre mañá o prazo para solicitar o bonobús universitario

A Concellería de Cultura destina 7.500 euros ás subvencións

Están dirixidas ós veciños que cursen estudos universitarios na cidade da Coruña e precisen desprazarse diariamente dende Fene


O Concello de Fene abrirá mañá xoves, 20 de setembro, o prazo de presentación de solicitudes para optar á concesión do bonobús universitario, unha liña de axudas para facilitar durante o curso escolar 2018-2019 os desprazamentos a aqueles veciños e veciñas que cursen estudos universitarios na cidade da Coruña. A tal fin, o Concello, a través da Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa, destinará unha partida de 7.500 euros.


Estas subvencións materializaranse a través do ‘carné bonobús subvención’, documento expedido polo Concello de Fene a favor do/a beneficiario/a, co que se solicitará á empresa ARRIVA S.A. (ou calquera outra empresa concesionaria do transporte) a expedición do bono válido subvencionado para a realización das viaxes. Segundo explica a edil de área, a finalidade desta subvención é favorecer o desprazamento do alumnado que curse estudos universitarios e necesite usar diariamente o autobús para os seus desprazamentos dende Fene ata A Coruña –dende setembro ata maio, ámbolos dous inclusive-.
Entre os requisitos para optar a esta liña de axudas é preciso estar empadroado/a e ter residencia efectiva no Concello de Fene como mínimo dende o 1 de xuño de 2018; cursar estudos universitarios para os que sexa necesario desprazarse ata A Coruña; non superar os máximos de base liquidable xeral sometida a gravame por unidade familiar determinados na base sétima das bases da convocatoria, presentar a documentación esixida e non ter pendente de xustificación por parte do solicitante ningunha subvención concedida polo Concello de Fene, sempre que tivese finalizado o prazo de xustificación.


A presentación da solicitude deberá realizarse no Rexistro Xeral do Concello ou por algunha outra forma establecida no artigo art. 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. O prazo abrirase mañá xoves, 20 de setembro, por espazo de dez naturais –ata o 29 de setembro-


A subvención concedida variará en función do número de beneficiarios/as e poderá acadar o 100 por 100 do custo do bono bus.


Así mesmo, as persoas interesadas teñen á súa disposición as bases da convocatoria, anexo e impreso de solicitude aquí