Fene convida este domingo a pequenos e maiores á Marcha Ciclista Popular
19-09-2018
Haberá dúas rutas, a pequena de 7 quilómetros, e a grande de 15
A Concellería de Deportes de Fene, que dirixe Xoán Manuel Bastida, en colaboración co Club BTT Fene, organiza este domingo, 23 de setembro, a Marcha Ciclista Popular do Concello de Fene.
Partirá da Avenida do Concello ás 11 horas e haberá dúas rutas: a pequena, cun percorrido circular por Fene e Perlío de 7 quilómetros pensado para os máis pequenos e pequenas, e a ruta grande, que abarcará unha distancia aproximada de 15 quilómetros. Neste caso, os participantes da ruta pequena que o desexen, concluído o itinerario, poden continuar coa ruta grande por Fene, San Valentín, Perlío e Maniños.
Para participar é preciso formalizar a inscrición o mesmo día da marcha, no salón de plenos da Casa do Concello, entre as 9,30 e as 10,45 horas. A matrícula é gratuíta para, segundo explicou o edil Xoán Manuel Bastida, favorecer a participación de todo o mundo. Iso si, será preciso acudir con casco, xa que o seu uso é obrigatorio.
Ademais, ó rematar a ruta grande, Bastida avanza a celebración dun sorteo de material deportivo e dunha bicicleta entre todos os participantes.
Unha Marcha coa que disfrutar do municipio dun xeito saudable, fomentando hábitos de vida saudable a través do deporte.