A Biblioteca Municipal acollerá un contacontos e un obradoiro de cociña para os máis pequenos da casa

A Biblioteca Municipal acollerá un contacontos e un obradoiro de cociña para os máis pequenos da casa

As prazas na actividade son limitadas e a inscrición deberá formalizarse os días 24, 25 e 26 de setembro, presencialmente ou por teléfono

A Biblioteca Municipal Xosémaría Pérez Parallé acollerá o vindeiro xoves, 27 de setembro, o contacontos O cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa, a cargo de Teatro Calavera, e un obradoiro de cociña infantil. Será a partir das 18 horas e as actividades están dirixidas a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos. Iso si, as prazas están limitadas a 40 e, aínda que a actividade é gratuíta, é preciso inscribirse previamente. Debe facerse o luns, 24 de setembro, o martes 25 e o mércores 26 na propia Biblioteca e en horario de 16 a 21 horas ou no teléfono 981 34 23 02.


Co espectáculo de Teatro Calavera, nenos e nenas poderán coñecer ó cociñeiro Antón e á pasteleira Tomasa, que lles contarán o divertido que é cociñar entre amigos e amigas. Tanto é así que xuntos argallan unha nova receita coa que superarse así mesmos, pasalo bomba e incluso gañar algún premio. Pero nada é tan fácil como parece... E por iso, a pasteleira Tomasa, con constancia e coa axuda do seu inseparable Antón, intenta aprender a receita do mellor chocolate, que descobren nun libro máxico da biblioteca, do que aparecerán personaxes moi especiais: unha cociñeira velliña india, que lle revelará os segredos da receita de chocolate máis rica; o pirata Calavera que lle deixará a súa barca e a animará a subir nela; os monstros do mar que non lle poñerán nada fácil navegar e o misterioso gardián da Illa de San Tomé, que os froitos de chcocolate non lle deixará coller...


A continuación, celebrarase o obradoiro de cociña "Brocheta de froitas recuberta de chocolate fondue". Co obxectivo de reforzar o mesmo, todos/as os/as nenos/as asistentes poderán elaborar co cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa esta receita, con froita variada e unha fonte de chocolate, para a delicia dos/as máis larpeiros/as.