O Concello aprenderá as técnicas e receitas para xantar á carta cun obradoiro de cociña para vagos e vagas
Celebrarase durante os meses de outubro e novembro
28-09-2018
Para xantar ben non é preciso dispoñer de moito tempo nin de produtos caros ou de mercado. Nin sequera, e aínda que poida parecer mentira, ser un xenio dos fogóns. Por iso, o Concello de Fene, a través da Concellería de Cultura, propón un obradoiro de cociña para vagos e vagas no que pretende ensinar aquelas técnicas e receitas para xantar “á carta” todos os días e preparar uns pratos tan ricos e ben presentados que permitan quedar de marabilla cando se convide a alguén.
O obradoiro consta de 18 horas e celebrarase os venres 19 e 26 de outubro e os días 2, 9, 16 e 23 de novembro de 18 a 21 horas no local de Icook Escuela de Cocina, en Perlío. As prazas están limitadas a 15, a cuota a abonar é de 38,60 euros para persoas adultas e de 30,90 euros para maiores de 65 anos e a inscrición abrirase do 1 ó 5 de outubro nas dependencias administrativas do pavillón municipal de A Xunqueira, en San Valentín. Será do seguinte xeito: 1, 2 e 3 de outubro inscricións só para residentes en Fene e o 4 e 5 de outubro inscricións para a a poboación en xeral. Os horarios serán de 8,30 a 14 h e, o mércores 3 e o xoves 4, amplíase tamén á tarde, de 16 a 19 h.
Os aparellos de cociña de uso individual, así como os produtos para as receitas correrán por conta do alumnado, namentras que os apuntamentos e receitas corren por conta da empresa prestadora do servizo. Haberá uso compartido de placa de indución, forno de vapor, microondas e, no caso necesario, thermomix ou robot de cociña equivalente.