O Concello ofrece un obradoiro de fotografía con móbil e cámaras compactas
01-10-2018
Organizado pola Concellería de Cultura, está dirixido a persoas maiores de 16 anos, consta de 10 horas de duración e unha cuota de 10,90 euros
A Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa organizará un Obradoiro de Fotografía con móbil e cámaras compactas. Dirixido a persoas maiores de 16 anos, é imprescindible contar con cámara propia –no móbil, compacta, cámara de acción…-. Trátase dun nivel de iniciación, polo que non é preciso ter coñecementos previos e está pensado para aquelas persoas que desexen iniciarse na fotografía dun xeito práctico e sinxelo.
As prazas están limitadas a 15 e as persoas interesadas deben formalizar a súa matrícula do 1 ó 5 de outubro nas dependencias administrativas do pavillón municipal de A Xunqueira, en San Valentín. Será do seguinte xeito: 1, 2 e 3 de outubro inscricións só para residentes en Fene e o 4 e 5 de outubro inscricións para a a poboación en xeral. Os horarios serán de 8,30 a 14 h e, o mércores 3 e o xoves 4, amplíase tamén á tarde, de 16 a 19 h.
O obradoiro consta de 10 horas e celebrarase na Aula de Cursos do Departamento de Cultura os martes 6, 13, 20 e 26 de novembro e o 4 de decembro, en horario de 17 a 19 horas. A cuota a abonar é de 10,90 euros.
As sesións estruturaranse do seguinte xeito: sesión 1: Introdución á fotografía, coñecendo os automatismos da nosa cámara; sesión 2: Facer que as fotos non saian movidas. Conxelar a acción; sesión 3: Facer que as fotos non saian escuras ou sobreexpostas; sesión 4: Compoñer, encadrar e facer clic e sesión 5: Filtros creativos, modos de escena, aplicacións, compartir en Internet.