O Concello retoma esta semana os Obradoiros Recordando o Noso
01-10-2018
Dirixidos a persoas maiores de 55 anos, son gratuítos, celebraranse en Barallobre, Sillobre, Perlío e Magalofes e a inscrición segue aberta
Imaxe de aquivo. Andainas para “recordar o noso” polas parroquias do municipio de Fene
O Concello de Fene, a través da Concellería de Benestar Social e Igualdade que dirixe Juana Barro, retoma esta semana os Obradoiros Recordando o Noso. Están dirixidos a persoas maiores de 55 anos, son completamente gratuítos, e inclúense no programa Tardes Activas. As persoas que desexen sumarse ó proxecto poden inscribirse no Centro Municipal de Servizos Sociais.
Máis polo miúdo, os obradoiros terán lugar en catro escenarios diferentes. Na ACDR Liga de Amigos de Barallobre os xoves dende o 4 de outubro de 18,15 a 19,45 horas; na SCRD Agarimo de Sillobre os martes a partir do 2 de outubro de 18,30 a 20 horas; no CCRD de Perlío os mércores dende o 3 de outubro de 16,30 a 18 horas e na AVV San Xurxo de Magalofes os venres a partir do 5 de outubro de 19 a 20,30 horas. A través destes obradoiros traballaranse as diferentes funcións cognitivas dende unha perspectiva máis dinámica aportando vivencias. O obxectivo será facer unha recuperación da historia da parroquia, rutas de interese ou outras temáticas que elixan as persoas participantes en cada grupo.
Nesta liña, a concelleira Juana Barro explica que con este proxecto ofrécense actividades e experiencias para as persoas que se atopan na madurez co fin de que poidan gozar dun tempo de lecer activo e satisfactorio contribuíndo a mellorar a imaxe social das persoas maiores e proporcionando ás persoas adultas claves e oportunidades para acadar un envellecemento activo e satisfactorio.
As prazas son limitadas, cubriranse por orde de inscrición e o prazo permanece aberto ata o día 24 de setembro no Centro Municipal de Servizos Sociais para as persoas que desexen sumarse ós obradoiros. Así mesmo, aquelas persoas que se matricularon o pasado curso xa non precisan facer a inscrición. Máis información no Centro Municipal de Servizos Sociais, enderezo servizos.sociais@fene.gal ou teléfonos 981.492.706 / 981 342607.