Tardes Activas
13-09-2018
Están dirixidos a persoas maiores de 55 anos, son completamente gratuítos, e inclúense no programa Tardes Activas. As persoas que desexen sumarse ó proxecto poden inscribirse no Centro Municipal de Servizos Sociais.
Máis polo miúdo, o Obradoiro de Recuperación da Memoria celebrarase todos os xoves de 16,30 a 18 horas no Centro Municipal de Servizos Sociais. Nel realizaranse actividades en grupo encamiñadas a mellorar a memoria, a linguaxe, a orientación, a atención... co obxecto de retrasar o inicio dunha demencia ou mantela estable sen empeoramento.
Pola súa banda, os Obradoiros de Activación da Memoria impartiranse na AVV de Limodre a partir do 24 de setembro todos os luns de 18 a 19,30 horas, e no CPS de San Valentín dende o 2 de outubro os martes de 16,45 a 18,15 horas. No mesmo levaranse a cabo actividades para manter activa a mente e mellorar a memoria naquelas persoas con esquecementos cotiás (onde están as chaves, como era o nome de...), utilizaranse dinámicas de ocio e grupais para a realización das actividades. Ó longo das sesións as actividades centraranse en mellorar a atención, estimulación visual, coordinación, calculo, linguaxe...
Finalmente, os Obradoiros Recordando o Noso terán lugar en catro escenarios diferentes. Na ACDR Liga de Amigos de Barallobre os xoves dende o 4 de outubro de 18,15 a 19,45 horas; na SCRD Agarimo de Sillobre os martes a partir do 2 de outubro de 18,30 a 20 horas; no CCRD os mércores dende o 3 de outubro de 16,30 a 18 horas e na AVV San Xurxo de Magalofes os venres a partir do 5 de outubro de 19 a 20,30 horas. A través destes obradoiros traballaranse as diferentes funcións cognitivas dende unha perspectiva máis dinámica aportando vivencias. O obxectivo será facer unha recuperación da historia da parroquia, rutas de interese ou outras temáticas que elixan as persoas participantes en cada grupo.
As prazas son limitadas, cubriranse por orde de inscrición e o prazo permanecerá aberto ata o día 24 de setembro no Centro Municipal de Servizos Sociais para as persoas que desexen sumarse ós obradoiros. Así mesmo, aquelas persoas que se matricularon o pasado curso xa non precisan facer a inscrición. Máis información no Centro Municipal de Servizos Sociais, enderezo servizos.sociais@fene.gal ou teléfonos 981.492.706 / 981 342607.