Últimos días para apuntarse ó Curso de Mediadores Sociais
A acción formativa é gratuíta e arrancará o vindeiro mércores, día 17
08-10-2018
O Concello de Fene, xunto ós de Mugardos e Neda, promove un Curso de Mediadores/as Sociais no marco do proxecto conxunto de prevención de condutas aditivas que subvenciona a Consellería de Sanidade. No caso de Fene, a acción formativa desenvolverase na Casa da Cultura os mércores 17, 24 e 31 de outubro así como os días 7, 14, 21 e 28 de novembro, de 18 a 20 horas. As prazas están limitadas a 20 e cubriranse por orde de inscrición.
O prazo para anotarse está aberto ata o 10 de outubro e pode formalizarse no Centro Municipal de Servizos Sociais (Avda do Mar, bloque 1, baixo San Valentín). Así mesmo, as fichas de inscrición poden descargarse da web municipal –www.fene.gal-.
As sesións serán impartidas por persoal técnico de ASFEDRO e, entre os contidos, abordarase: Adolescencia, drogas e adiccións. Enfoques actuais”; “Información xeral sobre drogas”; “Saúde comunitaria. Conceptos básicos na prevención das condutas adictivas”; “Primeiros auxilios. Reanimación cardiopulmonar” e “O papel da persoa mediadora na prevención de condutas adictivas”.
Entre os obxectivos que se marcan no programa está mellorar as actitudes preventivas das persoas mediadoras; incrementar os coñecementos sobre os contidos preventivos ou fomentar as súas habilidades para a planificación de programas preventivos. Máis información ou dúbidas sobre o curso, nos teléfonos 981 492 706 e 981 342 607 ou correo servizos.sociais@fene.gal.