O Concello abre o prazo para que o tecido asociativo solicite as subvencións en réxime de concorrencia competitiva

O Concello abre o prazo para que o tecido asociativo solicite as subvencións en réxime de concorrencia competitiva

A concelleira de Cultura e Facenda, Rocío Bértoa, apunta que se destinarán 75.500 euros a esta liña municipal de axudas

Dende hoxe, as entidades e asociacións sen fins de lucro de Fene poden solicitar as subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, que convoca o Concello para apoiar as actividades que desenvolveron no exercicio 2017. Nesta liña, a concelleira de Cultura e Facenda, Rocío Bértoa, explicou que o Concello destinará 75.500 euros do orzamento municipal a este capítulo. Engadiu que as axudas permitirán sufragar gastos de funcionamento das entidades ou ben actividades de carácter cultural, deportivo, educativo ou veciñal realizadas durante o pasado ano ou ben no curso 2016-2017.


Nesta liña, a edil marcouse como obxectivo prioritario rematar cos retrasos xerados nos últimos tres anos na convocatoria destas axudas. Lembrou que a convocatoria actual correspóndese co exercicio 2017 e que a intención é poñerse ó día e facilitar o acceso ás subvencións en prazo, ano por ano. Deste xeito, apunta, lograrase apoiar a extraordinaria actividade que realiza o tecido asociativo. Tentará por tanto recuperar a senda iniciada na pasada lexislatura, cando se logrou pór fin ós retrasos que de sempre acompañaban a esta liña de axudas. Tamén nesa etapa se aprobaron os adiantos ás entidades do 40 primeiro e do 70% despois –en 2014- das subvencións.


No día de onte, o Concello publicaba no Boletín Oficial da Provincia –BOP- as bases que rexen a concesión das subvencións correspondentes ó exercicio 2017. Unha publicación que marca a apertura do prazo para presentar as solicitudes –dende hoxe, 10 de outubro, e ata as 14 horas do día 24 de outubro de 2018-.
Poderá facerse telematicamente a través da sede electrónica do Concello https://sede.fene.gal/gl ou Rexistro Electrónico Común https://rec.redsara.es/registro/action/are/acceso.do, seleccionando o organismo ao que vai dirixida, ou presencialmente no Rexistro Xeral de Entrada do Concello (en días laborables, de luns a venres, en horario de 8:30 a 14:00 h) ou nas Oficinas de Correos (RDL 11/2018).

As axudas non poderán superar o 80% dos gastos xerados, cun máximo de 2.500 euros no caso das ANPAS; de 8.000 euros no das entidades culturais, e de 8.000 euros no das deportivas. Así mesmo, do montante total de 75.500 euros, o Concello consignou 5.000 euros para as ANPAS; 32.000 euros para as entidades culturais e 38.500 euros para as deportivas.
Así mesmo, onte á tarde, o Concello convocaba unha xuntanza coas entidades culturais, anpas, deportivas… para abordar esta liña de axudas.

Descargas
Ligazóns