O Concello promove un curso de intelixencia emocional para alumnado dos centros educativos de Fene
19-10-2018
A participación é gratuíta, con inscrición previa
Desenvolver habilidades de intelixencia emocional nunha contorna lúdica, descubrindo as emocións propias e como xestionalas, potenciando a autoestima e aprendendo habelencias sociais é o obxectivo do programa de intelixencia emocional que porá en marcha a Concellería de Ensino de Fene. Un curso, de sete sesións a realizar entre os meses de novembro e febreiro, dirixido ó alumnado de Educación Infantil, Primaria e ESO –ata 4º curso-. Estará impartido pola psicóloga e coach Fátima García, así como pola facilitadora María Cayón, e inclúe tamén unha charla coas familias dos-as nenos-as participantes.
A inscrición, gratuíta, abrirase o vindeiro mércores, 24 de outubro, e pecharase o día 31 deste mes. Poderá formalizarse en días laborables en horario de 9 a 14 horas no departamento de Ensino do Concello de Fene –Avenida de Naturais, 44, entresollado-.
As prazas están limitadas a 20 e cubiranse por rigorosa orde de inscrición.