Presentación este xoves en Fene do libro O novo teatro galego en Perlío: Teatro Círculo e Tagallo de Oti Ríos
22-10-2018
O autor estará acompañado do escritor Manuel Guede, do director de Ediciones Invasoras, Julio Fernández, e do alcalde, Gumersindo Galego
Organizada pola Concellería de Cultura de Fene, o local do CCRD de Perlío albergará a presentación do libro de Francisco Oti Ríos, O novo teatro galego en Perlío: Teatro Círculo e Tagallo, editado por Ediciones Invasoras. Será este xoves, 25 de outubro, ás 20 horas e no acto, presentado polo escritor e actor teatral Manuel Guede Oliva, intervirá o autor, Francisco Oti Ríos; o director da editorial, Julio Fernández Peláez, e o alcalde do municipio, Gumersindo Galego.
Ambos grupos (Teatro Círculo e Tagallo) teñen un importante papel no panorama teatral da época, tanto no ámbito comarcal coma no galego. Deles saíron actrices profesionais como Mabel Rivera ou Elina Luaces; o animador teatral e membro da Revista galega de teatro, Gonzalo Rodríguez Calvo; directoras/es da Mostra de teatro infantil Xeración Nós como Xoana Balado, Valentín García Modrón ou Carlos Basoa; quen foi xefe de produción do Centro Dramático Galego, o autor do libro Francisco Oti Rios; técnicos de escena como Ramón Espada... sen esquecer as persoas que tanto fixeron polo teatro amador, durante máis de catro décadas na comarca, e en particular no Concello de Fene, como Carlos Basoa e Mari López. Asemade, colaboraron con ambos grupos persoas como o director teatral Celestino Ledo; os humoristas Siro López e Xaquín Marín ou os músicos Antonio Peña e Baldo Martínez.
En palabras do seu autor, para a realización deste traballo foi esencial a colaboración dos protagonistas dos feitos, cos documentos consultados, a memoria colectiva e os arquivos persoais, fixeron posible estas reflexións, xa que sen eses apoios e complicidades esta prospección no sedimento da nosa historial teatral non tería sido o mesmo.