Obradoiro para a prevención da violencia de xénero no CEIP A Xunqueira

Obradoiro para a prevención da violencia de xénero no CEIP A Xunqueira

Baixo o título “Nas TIC Mandas Ti”, celebrarase este venres para o alumnado de 4º da ESO e inclúese na campaña “Quen dixo medo? ”

No marco da programación do 25 de Novembro, “Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres”, o Concello de Fene informa de que mañá venres, 26 de outubro, impartirase no CEIP A Xunqueira o Obradoiro para a prevención da violencia de xénero “Nas TIC Mandas Ti”.

A charla, na que se abordarán os tipos de violencia a través do uso das novas tecnoloxías e as habilidades do tratamento das mesmas, vai dirixida ao alumnado de 4º de E.S.O. Ten unha duración estimada de 90 minutos en horario lectivo, desenvolvéndose nas aulas de secundaria do mesmo centro de 12,10 h a 13,40 h.

Entre os contidos a abordar, está o ciberbullying, a ciberviolencia de xénero, o sexting ou a sextorsión.

O obradoiro inclúese na campaña de sensibilización que promove a Deputación baixo o lema "Quen dixo medo?". Unha campaña que busca desenvolver accións de sensibilización para a prevención da violencia de xénero destinadas á poboación para coñecer as características e dimensións desta problemática social para a súa erradicación definitiva; desmontar os mitos e estereotipos en torno á violencia para apostar pola responsabilidade social; visibilizar o fenómeno e informar sobre el para tomar conciencia e actuar; fomentar o cambio de crenzas e actitudes e implicar o respecto da violencia contra as mulleres a toda a poboación, e dotar a poboación dos mecanismos, coñecementos e habilidades precisos para detectar as diversas manifestacións da violencia de xénero e actuar de xeito contundente ante ela.

Dentro da mesma campaña, durante o mes de novembro, levaranse a cabo tamén actividades dirixidas ao alumnado de Educación Infantil e Primaria, nos centros de ensino públicos do Concello.

Descargas