Curso Xuntos nos coidados para familiares a cargo de persoas con alzheimer

Curso Xuntos nos coidados para familiares a cargo de persoas con alzheimer

A aula de Formación do Centro de Servizos Sociais de Fene acollerá os días 6 e 8 de novembro o curso “Xuntos nos coidados”. Unha acción formativa dirixida a familiares ao coidado de persoas con alzheimer ou outro tipo de demencias organizada pola Federación Alzheimer Galicia en colaboración coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, o Concello de Fene e AFAL Ferrolterra. A participación é gratuíta e as prazas limitadas, polo que as persoas interesadas en tomar parte poden anotarse na asociación (rúa Río Castro, 43-45 baixo Ferrol) ou chamando ao teléfono 981 37 06 92.


O curso, impartido por AFAL, desenvolverase en horario de 15 a 19 horas. O obxectivo é formar a homes e mulleres que se ocupan da atención a familiares que sofren demencia para ensinarlles como afrontar as distintas fases da enfermidade. Así, realizarase unha introdución á enfermidade do alzheimer, darase conta dos síntomas cognitivos e non cognitivos da doenza e mostraráselles aos participantes as terapias non farmacolóxicas, as claves da comunicación con persoas con demencia ou o modo de autocoidarse.


As charlas apoiaranse en diferente material visual e, ao termo das mesmas, entregarase ao "alumnado" unha guía para coidadores na contorna familiar.