Teatro e fotografía para concienciar sobre a situación das persoas refuxiadas no IES de Fene

Teatro e fotografía para concienciar sobre a situación das persoas refuxiadas no IES de Fene

A obra ‘O valo’, creada por Pallasos en Rebeldía para os concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, representarase mañá

O IES de Fene acollerá ó longo desta semana unha exposición fotográfica e mais unha obra de teatro para concienciar sobre a difícil situación das persoas refuxiadas. As actividades encádranse no plan de sensibilización promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello de Fene.


Así, este mércores 7 de novembro, a partir das 12,30 horas, chegará ó instituto o espectáculo teatral ‘O valo’, creado o ano pasado por Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego co fin de impulsar a reflexión sobre as fronteiras e as persoas que requiren refuxio. Baseada no texto homónimo que lle valeu a Carlos Labraña o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, o obxectivo da obra é evitar o esquecemento das guerras e da xente que delas foxe, ao tempo que se convida a transformar a realidade pensando un mundo diferente. Á representación asistirán 80 estudantes de 1º e 2º da ESO.


A proposta representa o encontro entre unha nena que escapa da guerra e un rapaz soldado, gardián devoto de fronteiras móbiles. Cómpre ter en conta que o conflito en Siria obrigou a máis de cinco millóns de persoas a abandonar o país na procura de refuxio noutros lugares, entre as que se achan moitas menores. ‘O valo’ está escrita en homenaxe a todas elas, para que as teñamos presentes e as súas vidas constitúan o xerme da loita contra todos os valados, muros e fronteiras que separan os seres humanos.


En canto á mostra ‘No colo da esperanza’, que daba comezo onte no centro educativo, foi realizada polo fotoxornalista Felipe Carnotto en 2015 na denominada “ruta dos Balcáns”. As fotografías están protagonizadas principalmente por rapazas e rapaces que foxen da guerra en Siria canda as súas familias, na busca dun futuro próspero en Europa. A forza das imaxes pretende poñer o foco nas inxustizas que están a acontecer para que milleiros de persoas abandonen os seus fogares e camiñen en ringleiras durante horas, cruzando países como Turquía, Macedonia ou Serbia na procura de refuxio, coa esperanza de vivir en paz.


A relación entre Felipe Carnotto e o Fondo Galego bota a andar en 2014, cando o fotógrafo gaña o concurso Imaxes con Fondo II, no que o premio era unha viaxe a Nicaragua para retratar a realidade do país e os proxectos alí apoiados. Como freelance, o fotoxornalista de orixe brasileira afincado en Vigo ten publicado en xornais como The Guardian, Der Spiegel, Financial Times, El País ou a revista Luzes. En 2017 fíxose co recoñecemento á Imaxe do Ano no prestixioso certame Estação Imagem e no mesmo ano acada o Galicia en Foco.