Fene acolleu o curso Xuntos nos Coidados para coidadores de persoas afectadas de alzheimer
09-11-2018
A acción formativa estivo organizada pola Federación Alzheimer Galicia co apoio da Xunta, o Concello de Fene e a asociación AFAL Ferrolterra
Unha veintena de persoas tomaron parte no curso Xuntos nos Coidados que se celebrou esta semana no Centro Municipal de Servizos Sociais de Fene. Unha acción formativa gratuíta dirixida a persoas con familiares a cargo afectados de alzheimer ou outro tipo de demencia. O curso desenvolveuse en dúas sesións. Á primeira dela asistían a presidenta de AFAL Ferrolterra, Ana María López, e a vicepresidenta, Montse López, entidade que imparte o curso, así como o alcalde de Fene, Gumersindo Galego, e a edil de Benestar, Juana Couto, concello que colabora coa iniciativa, impulsada pola Federación Alzheimer Galicia e a Consellería de Política Social. Todos eles aproveitaban a oportunidade para dar a coñecer o labor que desenvolve AFAL a favor das persoas afectadas e das súas familias e coidadores, con dous centros de día terapéuticos en Ferrol. Tamén dos diferentes cursos que o Concello, municipio solidario co alzheimer, desenvolve ó longo do ano nesta materia. Así mesmo, o alcalde avanzaba a próxima celebración de charlas sobre a enfermidade nas parroquias. Charlas que impartirá AFAL e cuxo calendario se dará a coñecer nas próximas semanas.
O obxectivo de Xuntos nos Coidados foi facilitar formación ás persoas participantes para afrontar as distintas fases da enfermidade, abordando os síntomas cognitivos e non cognitivos da doenza e amosando as terapias non farmacolóxicas, as claves da comunicación con persoas con demencia ou o modo de autocoidarse, entre outros contidos.
As charlas apoiáronse en diferente material visual e, ao termo das mesmas, entregouse ao "alumnado" unha guía para coidadores na contorna familiar.