O Concello abre a inscrición no programa “Robótica para comerse o tarro”
07-12-2018
Está dirixido a rapaces e rapazas de entre 13 e 16 anos, celebrarase entre o 15 de decembro e o 2 de febreiro e a participación é gratuíta
O Concello de Fene, a través da Concellería de Benestar Social, oferta o curso “Robótica para comerse o tarro”. Está dirixido a rapaces e rapazas de entre 13 e 16 anos, a participación é completamente gratuíta e a inscrición está aberta. Pode formalizarse por tres vías: nos centros educativos do municipio –ata o 12 de decembro nas respectivas secretarías-; no whatsapp 670 034 625 ou no Centro Municipal de Servizos Sociais –Avenida do Mar, bloque 1 San Valentín-. As prazas están limitadas a 20 e para iniciar a actividade requírese un mínimo de 10 participantes.
Entre os contidos, abordaranse materias como programación, minecraft, realidade aumentada, scratch, prototipos 3D, simulacións con robots ou novas tecnoloxías. Arrancará o 15 de decembro e celebrarase os sábados 22 e 29 deste mes; os sábados 12, 19 e 26 de xaneiro e o 2 de febreiro. Será no CCRD Perlío, na rúa San Salvador, 12, e en horario de mañá –de 11,30 a 13 horas-.
O obradoiro inclúese no programa “Mocidade Activa” de prevención de condutas aditivas entre a mocidade que impulsan os concellos de Fene, Neda e Mugardos co apoio da Consellería de Sanidade.