O Concello habilitará unha pista de xeo e programa o Campanadal para peques, patinaxe e xogos acuáticos en familia

O Concello habilitará unha pista de xeo e programa o Campanadal para peques, patinaxe e xogos acuáticos en familia

O concelleiro de Deportes, Xoán Manuel Bastida, informa de que mañá xoves abrirase o prazo de inscrición na oferta deportiva de Nadal

A Concellería de Deportes que dirixe Xoán Manuel Bastida ofrecerá unha completa e variada programación de cara ás xornadas festivas do Nadal. Unha programación que, segundo avanzou, incluirá a apertura dunha pista de xeo sintética para delicia de nenos e maiores. Así mesmo, mañá xoves, 13 de decembro, abrirá o prazo de inscrición no “Campanadal para peques” e nas “Clases de patinaxe para nenos/as e persoas adultas”. A inscrición debe formalizarse nas dependencias administrativas do pavillón polideportivo da Xunqueira ata o día 20 en horario de luns a venres de 9 a 13,30 horas e o mércores 19 de 16,30 a 19 h. Completan a programación a actividade de xogos acuáticos en familia e as exhibicións de baile moderno e bailes de salón, de carácter solidario, este sábado; de ximnasia artística, o día 22, e a Carreira e Andaina San Silvestre, o 29.

A pista de xeo sintética, baixo carpa, estará emprazada na pista polideportiva de San Valentín, do 2 ó 7 de xaneiro de 16,30 a 20,30 horas. Ofreceranse sesións de 20 minutos e o prezo da actividade con aluguer de patíns é de 3 euros por persoa e sesión. É obrigatorio o uso de luvas. Así mesmo, o Concello tamén habilitará un inchable neste espazo para os máis pequenos. Neste caso, o custe é dun euro por persoa e sesión.

Campanadal para peques. Trátase dun campamento orientado ós máis pequenos (nados/as do 2009 ó 2014) no que realizarán actividades variadas: xogos, manualidades, multideporte, baile, música... con contos cheos de maxia, con historias e personaxes propias do Nadal que farán que os nenos e nenas se sintan a gusto, disfruten, compartan, aprendan movéndose e gocen do Nadal. Celebrarase na aula e ximnasio do pavillón da Xunqueira os días 26, 27 e 28 de decembro e os días 2, 3 e 4 de xaneiro. De 11 a 13,30 horas. Ofértanse 22 prazas e o custe da actividade é de 15,70 euros.

Patinaxe para nenos e adultos. Son cursiños de patinaxe dende iniciación ata técnicas avanzadas, nos que haberá tres grupos de aprendizaxe en cada hora, que se distribuirán segundo as idades e o nivel de cada participante. Precísanse patíns, casco, xeonlleiras e muñequeiras. Terán lugar no pavillón da Xunqueira o 26 de decembro, e 2, 3 e 4 de xaneiro en dous grupos, de 10,30 a 12 e de 12 a 13,30 horas. Hai 24 prazas dispoñibles en cada quenda cun custe de 6,25 euros.

Xogos acuáticos en familia. O Concello de Fene oferta a nenos e nenas a posibilidade de asistir á piscina para realizar actividades lúdicas utilizando o material da instalación. Cada neno/a deberá estar acompañado por un adulto. No caso de irmáns pode ser máis dun neno/a acompañados por un adulto. Para participar haberá que pagar só a entrada do adulto: 3,25 euros e, no caso de dispoñer de bono deporte, este poderá ser utilizado do mesmo xeito que unha entrada normal, utilizando só unha entrada para o adulto máis os/as menores. O Concello reservará tres rúas da piscina para esta actividade, de 11,15 a 13,30 horas. Non é necesario realizar inscrición previa, abonda con asistir e participar, aínda que os usuarios poden facer reserva da rúa antes de ir, co fin de garantir que haxa espazo libre. Terá lugar dende o 26 de decembro ata o 7 de xaneiro na piscina municipal de Centieiras.

Así mesmo, este sábado, 15 de decembro, o pavillón da Xunqueira albergará a VIII edición da Exhibición Solidaria de Baile Moderno e Bailes de Salón. De 17 a 19,30 horas, tomarán parte clubes e escolas de toda a comarca e, no lugar de entrada, o público asistente poderá entregar produtos alimenticios non perecedoiros que irán destinados ás familias con menos recursos. Así mesmo, o 22 de decembro, no mesmo escenario e tamén de 16,30 a 20 horas, celebrarase a Exhibición de Ximnasia Artística. Nela participarán clubes da comarca e o local e a entrada é libre e de balde. Por último, e para despedir o ano, a Concellería de Deportes de Fene organiza o día 29 de decembro a Carreira e Andaina de San Silvestre. Será polas rúas de Fene, con percorridos que oscilan, segundo a idade, entre os 100 e os 3,75 kms. En todo caso, arrancará ás 16 horas da casa consistorial, cun marcado espírito festivo, a participación é gratuíta para os menores e de 2 euros para persoas adultas. A inscrición está aberta na web www.carreirasgalegas.com

Descargas