Fene propón un Nadal con concertos, exposicións, maxia, teatro ou contacontos
11-12-2018
A edil de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou hoxe o programa de actividades deseñado polo Concello, pensado especialmente para os nenos
A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou esta mañá a programación de actividades que o Concello organizará durante este mes de cara ás festas de Nadal. Unha programación completa e variada, con especial atención nos nenos e nenas, que inclúe dende recitais ata funcións teatrais, contacontos, maxia ou exposicións e festas.
Maxia, teatro e contacontos
Rocío Bértoa tamén avanzou a celebración dunha morea de espectáculos de maxia, teatro e contacontos pensados especialmente para os máis pequenos da casa. Inaugurará o cartel a compañía Babaluva coa súa obra “A alfombra máxia”, o xoves 20 de decembro ás 18 h na Biblioteca Municipal “Xosemaría Pérez Parallé”. As prazas son limitadas a 20 bebés –de cero a tres anos- e os seus acompañantes, polo que se abrirá un prazo de inscrición no centro de lectura do 17 ó 19 deste mes.
Para un público familiar está programada a obra “Un bico para Alí” da compañía Fabaloba. Este espectáculo contado, cantado e pintado terá lugar o mércores 26 de decembro, ás 12 horas, na Casa da Cultura. Ó día seguinte, xoves 27, e no mesmo espazo, o ilusionista Martín Camiña ofrecerá o seu espectáculo “Lingua do país”. Un show de maxia recomendado para todos os públicos que comezará ás 12 horas con entrada de balde. E, pechando a semana, o venres 28, sesión de contacontos con Celtia Figueiras Rama e o seu espectáculo “As estacións en contos”. Na Casa da Cultura, a partir das 12 horas, entrada de balde e dirixida a público familiar.
Cabalgata e festa infantil
Por último, o Concello organizará a tradicional Cabalgata de Reis o sábado 5 de xaneiro. Partirá ás 18 horas de Perlío (fronte Aguilar) para percorrer a Avenida Marqués de Figueroa, Cruce de Fene e Avenida de Naturais rematando na Praza do Concello onde o alcalde dará a benvida ás Súas Maxestades de Oriente. De seguido, terá lugar unha Festa infantil na carpa situada na Praza do Concello.
Exposicións
Dende o Concello lémbrase que durante estas vacacións de Nadal continúa aberta no Museo do Humor a exposición de humor gráfico sobre a obra de Pinto&Chinto -David Pintor e Carlos López-, dous dos maiores referentes do humor gráfico galego. Iso si, o horario de visitas os días 26, 27 e 28 de decembro será de 10 a 14,15 h. Así mesmo, a partir do 4 de xaneiro e ata o día 30 do mesmo mes, o público poderá achegarse á obra de Laura Bouza. Inaugurará unha exposición de pintura e debuxo baixo o título “Des amparo”.
Por último, a concelleira quixo agradecer en nome do Concello a colaboración brindada polas seguintes asociacións e entidades: SCRD Agarimo de Sillobre; CMI Unidade de Fene, CPS de San Valentín, CCRD de Perlío, Coral Eterna Xuventude, ACRD O Pote de Maniños, Tradicoro, CPI A Xunqueira, CEIP Plurilingüe de Centieiras, CPR Jorge Juan, CEI de Sillobre, CEIP Plurilingüe O Ramo e CEIP Plurilingüe Os Casais