Preto de 530 nenos e maiores participarán este sábado en Fene na VIII Exhibición Solidaria de Baile Moderno e Bailes de Salón
14-12-2018
O Concello, coa colaboración especial de Fene Movemento, organiza a cita coa que se busca colaborar coa recadación de alimentos para Cáritas
A Concellería de Deportes que dirixe Xoán Manuel Bastida organiza este sábado, coa colaboración especial da entidade Fene Movemento, a VIII edición da Exhibición Solidaria de Baile Moderno e Bailes de Salón. Á mesma confirmación a súa asistencia nada máis e nada menos que 530 bailaríns e bailarinas de once escolas e clubes de Fene e doutros municipios da comarca. Celebrarase a partir das 17 horas no pavillón municipal da Xunqueira e, no lugar de entrada, o público asistente poderá entregar produtos alimenticios non perecedoiros que o Concello entregará a Cáritas para aquelas familias con menos recursos.
Os participantes son tanto nenos a partir de tres anos como persoas adultas e os clubes e escolas de procedencia, os seguintes: Escola Municipal de Fene de Baile moderno; Escola Municipal de Fene de Ximnasia Rítmica; Zona Dance Ferrol; Asociación Deportiva Paso a Paso; Sport Club y Fitness; Mai Dance Studio; Club Móvete; CBD Narón; All Dance Studio, e EvoFit; Fusion Dance. Entre os estilos dos que poderá disfrutar o público asistente, por citar algúns, haberá samba, break, hip hop, danzas urbanas ou ballet.
Ó remate das actuacións, os participantes protagonizarán un desfile e o alcalde, Gumersindo Galego, xunto ós concelleiros e concelleiras da corporación, procederán á entrega de diplomas.