XVIII Festival de Panxoliñas do Concello de Fene este sábado en Barallobre
21-12-2018
Tomarán parte todas as corais e rondallas da cidade
Tradicoro
Todas as corais e rondallas de Fene tomarán parte mañá sábado, 22 de decembro, no XVIII Festival de Panxoliñas-Concello de Fene. Celebrarase a partir das 20 horas no CPS Liga de Amigos de Barallobre, con entrada libre e de balde. Organizado polo Tradicoro, na cita colaboran o CPS e a Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa.
Así, actuarán para dar a benvida ó Nadal coa mellor música a Coral Polifónica Agarimo de Sillobre, a Rondalla Perla del Río, a Coral Eterna Xuventude, a Rondalla Estrelecer, a Coral Polifónica de San Valentín, a Coral Polifónica de O Pote e o Tradicoro.
Próxima cita
O calendario de concertos de Nadal pecharase en Fene o vindeiro 28 de decembro, co espectáculo “Bailando nas rúas”, a cargo de A Banda da Loba. Será a partir das 20,30 horas no local da SCRD O Pote. A Banda da Loba é unha formación integrada por cinco mulleres -Andrea Porto, Inés Mirás, Marcela Porto, Estela Rodríguez e Xiana Lastra- que decidiron unir as súas voces nun proxecto común. Este grupo salienta pola creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como na musicalización de poemas célebres e outros textos de autoras contemporáneas como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra. Todo isto, baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk… e fai do seu repertorio un fantástico caleidoscopio musical.
Unha actividade organizada pola Concellería de Cultura e incluída na Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.