Espectáculo de maxia este xoves na Casa da Cultura co ilusionista Martín Camiña

Espectáculo de maxia este xoves na Casa da Cultura co ilusionista Martín Camiña

A función dará comezo ás 12 horas, con entrada libre e de balde

O salón de actos da Casa da Cultura acollerá este xoves, 27 de decembro, o espectáculo de maxia “Lingua do país”, do prestixioso ilusionista Martín Camiña. A función comezará ás 12 horas, con entrada libre e de balde, e inclúese na programación deseñada para este Nadal pola Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa.


Trátase dun show de maxia recomendado para todos os públicos. Un espectáculo máxico-lingüístico “para lembrarlle ao Google que en Galicia non sabemos onde están Arteijo, Mugía, Rianjo nin Sangenjo. E para lembrar tamén que podemos falar en galego coa doutora, co avogado ou coa xuíza, xa que seguiremos tendo o mesmo problema de saúde, de preitos ou do que sexa”. “Lingua do país” é un espectáculo participativo, cheo de sorpresas e tamén cheo de axóuxeres, bolboretas, beizos, garabatas, cóxegas, meigallos, folerpas...

Exposicións

Dende o Concello tamén se lembra que a exposición de humor gráfico sobre a obra de Pinto&Chinto -David Pintor e Carlos López- dous dos maiores referentes do humor gráfico galego, permanecerá aberta ó público ata este xoves, 27 de decembro, de 10 a 14,15 h. Así mesmo, a partir do 4 de xaneiro e ata o día 30 do mesmo mes, o público poderá achegarse á obra de Laura Bouza. Inaugurará unha exposición de pintura e debuxo baixo o título “Des amparo”.