Acto de clausura das Tardes Activas, nas que participaron 120 veciños e veciñas
O programa promovido polo Concello de Fene incluíu obradoiros de Activación da Memoria, Recordando o Noso e Recuperación de Memoria
26-12-2018
Un total de 120 veciños e veciñas tomaron parte ó longo do presente trimestre nos diferentes obradoiros do programa municipal de envellecemento activo e participación social “Tardes Activas” que organizou a Concellería de Benestar Social e Igualdade que dirixe Juana Barro. A semana pasada, o Concello celebraba os actos de clausura e entrega de diplomas ás persoas participantes nos diferentes escenarios onde se celebrou o programa.
E é que as actividades desenvolvéronse de forma itinerante polas diferentes parroquias do Concello a través das entidades veciñais e culturais e no Centro Municipal de Servizos Sociais. Así, os obradoiros de Activación da Memoria tiveron lugar na AVV de Limodre e no CPS San Valentín; os obradoiros Recordando o Noso, na ACRD Agarimo de Sillobre, ACDR Liga de Amigos de Barallobre, CCRD Perlío e AVV San Xurxo de Magalofes e os obradoiros de Recuperación de Memoria, no Centro Municipal de Servizos Sociais.