Máis de 600 persoas tomarán parte este sábado na VI San Silvestre de Fene
Partirá da casa consistorial ás 16,30 horas e o circuito, con distancias de entre os 100 metros e os 3,75 kms, discurrirá polas rúas do municipio
28-12-2018
Un total de 601 persoas inscribíronse na VI edición da Carreira e Andaina de San Silvestre que organiza mañá sábado a Concellería de Deportes que dirixe Xoán Manuel Bastida. Unha cita que congregará a veciños e veciñas de todas as idades para despedir o ano facendo deporte. Desenvolverase polas rúas de Fene, con percorridos que oscilan, segundo a idade, entre os 100 e os 3,75 kms. En todo caso, arrancará ás 16,30 horas da casa consistorial, cun marcado espírito festivo, e a participación é gratuíta para todas as categorías de menores (e 2 euros para a carreira absoluta).
Na carreira absoluta anotáronse 316 atletas, namentras que nas categorías menores están apuntados 152 e, a andaina, contará con 133 participantes.
Saída e meta están fixadas na casa consistorial e as categorías son as seguintes: Pitufos (nenos/as nados/as en 2014 e 2015) cun percorrido de 100 metros; Sub 8 (2013-2012) e distancia de 200 metros; Sub 10 (2011-2010) e 400 metros; Sub 12 (2009-2008) e 800 metros; Sub 14 (2007-2006) e 1.200 metros; Sub 18/Sub 20 (2002-2003-2004-2005) e 2.500 metros; Absoluta (2001 e anteriores) e 3.750 metros e Andaina para todas as idades e un percorrido de 2.500 metros.
A saída irase realizando de forma escalonada, segundo a categoría e comenzando pola absoluta. O circuito, sobre asfalto, estará pechado ó tráfico e controlado por Policía Local e Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil, así como membros da organización.
Así mesmo, as persoas participantes deben retirar hoxe, venres 28, o seu dorsal-chip no pavillón da Xunqueira en horario de 9 a 13,30 horas e de 16 a 22 horas ou mañá sábado, día 29, no salón de plenos da casa consistorial de 10,30 a 13,30 ou de 15 a 16 h. Os tres primeiros clasificados da categoría absoluta masculina e feminina e da Sub 18/Sub 20 tamén masculina e feminina recibirán un trofeo ou obsequio e todos os participantes, un agasallo.