O Concello de Fene convida a nenos e maiores a patinar sobre xeo
02-01-2019
A Concellería de Deportes abre hoxe, e ata o vindeiro luns, día 7, unha pista de xeo sintética no pavillón de San Valentín
A Concellería de Deportes que dirixe Xoán Manuel Bastida inaugura esta tarde, a partir das 16,30 horas, unha pista de xeo sintética na pista polideportiva de San Valentín. Permanecerá aberta ata o vindeiro luns, 7 de xaneiro, coincidindo cos últimos días das vacacións escolares de Nadal, e o seu horario será de 16,30 a 20,30 horas.
Nela, ofreceranse sesións de 20 minutos e o prezo da actividade con aluguer de patíns é de 3 euros por persoa e sesión. É obrigatorio o uso de luvas. Así mesmo, o Concello tamén habilitará un inchable neste espazo para os máis pequenos. Neste caso, o custe é dun euro por persoa e sesión.
Actividades, as dúas, incluídas na programación deportiva deseñada polo Concello de Fene para este Nadal.