O Concello de Fene recupera unha parcela en desuso de 5.000 m2 para habilitar un circuito de cross único na comarca
18-01-2019
O concelleiro de Deportes, Xoán Manuel Bastida, informa do inicio dos traballos en Barallobre, que levan a cabo operarios municipais
Fene contará antes de que remate o mes de xaneiro cun circuito de cross duns 5.000 metros cadrados único na comarca. Así o avanzou o concelleiro de Deportes, Xoán Manuel Bastida, tras o inicio das obras de acondicionamento da zona. A parcela, de titularidade municipal, está emprazada nas inmediacións do IES de Fene, en Barallobre, e linda coas recén recuperadas pistas de atletismo. Unha e outra infraestructura estarán conectadas e sumarán uns 12.500 metros cadrados para a práctica deportiva no Concello.
Nesta liña, Bastida explicou que, ata o momento, a parcela estaba nunha situación de abandono e sen uso, asolagada polas malas herbas e que os traballos en curso realízanse cun custe mínimo, xa que son operarios municipais os encargados de levalos a cabo. Ademais, segundo explicou o concelleiro, Fene convertirase no primeiro concello da comarca en dispor dunha infraestrutura municipal adicada en exclusiva á práctica do cross. Na actualidade, estanse a ampliar as sendas que conectan pistas e circuito e, nos próximos días, delimitarase o propio circuito. A intención é concluír os traballos este mes coa vista posta na celebración do primeiro campeonato nas instalacións: o campeonato provincial de cross para escolares, o 2 de febreiro. Seguiralle, o 10 de febreiro, o campeonato galego de veteráns.
Pistas de atletismo
Hai uns meses, a Concellería de Deportes recuperaba as vellas pistas de atletismo de Barallobre, habilitando unha pista de 200 metros con seis rúas, así como diferentes espazos para a práctica das diferentes disciplinas de atletismo, dende salto de altura ata salto de lonxitude.
Ata ese momento, as instalacións levaban en desuso uns trinta anos, despois de que se construísen a principios da década dos 80 e mantivesen a actividade tan só uns anos. A intención do concelleiro era satisfacer a demanda crecente deste deporte no municipio, da que dá boa conta a creación do Club Atletismo de Fene hai dous anos. Así mesmo, o Concello quería con esta intervención de recuperación das pistas, á que se suma agora o circuito de cross, fomentar o deporte entre os máis cativos, especialmente entre o estudantado do municipio.