O Concello activa nos coles obradoiros para fomentar o uso responsable das TICs Celebraranse en xaneiro e febreiro, baixo o título “Desenrédate!”
24-01-2019
A Concellería de Benestar Social e Igualdade que dirixe a concelleira Juana Barro vén de poñer en marcha nos centros educativos de Fene unha serie de obradoiros para fomentar o uso responsable das novas tecnoloxías baixo o título “Desenrédate! Prevención de adiccións e bo uso das TIC”. Comezaron este mes de xaneiro e prolongaranse ata febreiro. En concreto, os centros educativos acollidos ao programa son o CPI Xunqueira (11 e 18 de xaneiro e 1 de febreiro); CEIP Centieiras (23 de xaneiro e 6 de febreiro); Jorge Juan (24 e 31 de xaneiro); IES Fene (8 de febreiro) e CEIP O Ramo (12 de febreiro). Así mesmo, como complemento das sesións co alumnado tamén están previstas sesións para as familias naqueles centros escolares nos que exista demanda e se reúna a un grupo superior ás dez persoas.
O uso das TIC (Tecnoloxías da información e a comunicación) e Internet é, na actualidade, un instrumento clave na vida diaria das persoas, das súas relacións sociais, familiares, laborais, educativas, etc. Teñen revolucionado o estilo de vida das persoas adultas pero, sobre todo, da xuventude. Utilizadas adecuadamente representan unha ferramenta extraordinaria para o desenvolvemento e a comunicación, pero tamén implican riscos que é necesario coñecer e saber previr.
A través destes obradoiros, trátase de informar e formar ao alumnado no uso sensato e responsable das redes. Os obradoiros están dirixidos ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e 1º e 2º de Secundaria e con eles búscase proporcionar ao alumnado entornos de uso saudable e boas prácticas en TIC; fomentar a identificación, prevención e control dos riscos e situacións de acoso nas redes; a elaboración dunha guía didáctica en soporte dixital dirixida á prevención de adiccións ás TICs; promover accións informativas e formativas en colaboración coas ANPAS e proporcionar pautas educativas de uso saudable e responsable das TICs. Para iso, abordaranse contidos como diferenciar entre uso, abuso e adicción ás TIC; identificar as ameazas e riscos e aprender a previlos; o acoso nas redes; a violencia de xénero a través das TIC, e as boas prácticas.
Os obradoiros inclúense no programa Saúde na Escola que impulsa o Concello de Fene xunto aos de Mugardos e Neda coa colaboración da Consellería de Sanidade.