Constituído o Consello Municipal de Deportes de Fene

Constituído o Consello Municipal de Deportes de Fene

Na primeira reunión abordouse o inicio dos cursos formativos de reanimación cardiopulmonar ou a celebración da Gala do Deporte local

O Concello de Fene acolleu a semana pasada a sesión de constitución do Consello Municipal de Deportes, un órgano que reúne a representantes dos clubes deportivos, entidades que desenvolven actividades neste ámbito e ANPAS da cidade. Con el, segundo explicou o edil de área, Xoán Manuel Bastida, búscase favorecer a súa participación efectiva na toma de decisións municipais e impulsar proxectos e iniciativas que permitan a Fene recuperar a súa posición protagonista no mundo do deporte. Así, nesta primeira xuntanza, presidida polo alcalde, Gumersindo Galego, abordáronse xa na orde do día asuntos de especial relevancia.


Bastida avanzou a celebración, durante as vindeiras semanas, dos primeiros cursos formativos en materia de reanimación cardiopulmonar. Con 40 prazas, están dirixidos inicialmente aos traballadores municipais das instalacións deportivas, así como ao persoal que traballa nestas –como monitores, socorristas…-. Trátase do primeiro paso para converter a Fene nun municipio cardioprotexido, tras a recente adquisición de desfibriladores para os pavillóns de San Valentín e do Ramo, os campos de fútbol de Perlío e Maniños e a piscina municipal, xa que na actividade deportiva son máis frecuentes os casos de morte súbita. Así mesmo, Bastida avanzou que o seguinte paso será abrir estas accións formativas a todo o tecido asociativo –asociacións veciñais, institucións ou centros educativos- para que acollan os cursos coa vista posta en que participen neles todos os veciños e veciñas de Fene interesados.


Noutra orde de cousas, o Consello Municipal de Deportes tamén abordou, a instancias do concelleiro, a próxima celebración da Gala do Deporte local. Neste senso, Bastida avanzou que, amais de recoñecer os méritos e traxectoria daqueles deportistas e clubes destacados, a pretensión é iniciar a gala homenaxeando a aquelas persoas que contribuíron de xeito decisivo ao longo destes últimos anos á promoción do deporte en Fene.


Por último, na xuntanza abordáronse algunhas das citas do calendario deportivo da cidade para os próximos meses, entre as que figuran, en febreiro, varias competicións de cross que suporán a inauguración efectiva das novas pistas habilitadas en Barallobre polo Concello.