Obradoiro gratuíto de Recuperación da Memoria para maiores de 55
06-02-2019
O Concello, a través da Concellería de Servizos Sociais que dirixe Juana Barro, retoma este mércores o Obradoiro de Recuperación da Memoria coa vista posta na prevención de patoloxías asociadas á idade. Desenvolverase ata o mes de xuño todos os xoves, de 16,30 a 18 horas no Centro Municipal de Servizos Sociais. É gratuíto, quedan prazas libres e para anotarse as persoas interesadas deben dirixirse ao propio centro municipal –Avenida do Mar, bloque 1 baixo-. En todo caso, as persoas matriculadas no curso anterior non precisan realizar a inscrición.
Está dirixido aos maiores de 55 anos e realizaranse probas iniciais para adaptar as actividades a cada persoa, dependendo da súa situación.
O obradoiro inclúese no programa de Envellecemento Activo e Participación Social e nel realizaranse actividades en grupo encamiñadas a mellorar a memoria, a linguaxe, a orientación, a atención, etc. Os exercicios buscan estimular as diferentes funcións cognitivas para retrasar o inicio dunha demencia ou mantela estable sen empeoramento. Ademais dos beneficios de pertencer a un grupo.
Con este proxecto ofértanse actividades e experiencias para as persoas que se atopan na madurez co fin de que podan gozar dun tempo de lecer activo e satisfactorio.