O Concello de Fene abre a inscrición no Festival de Comparsas de Entroido 2019
08-02-2019
A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanza que o Concello incrementa este ano ata os 7.500 euros as axudas para fomentar a participación no certame
Fene acollerá o mércores 6 de marzo o seu tradicional desfile e festival de comparsas de Entroido e, para fomentar a participación, este ano a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanza un incremento da partida reservada para axudas ás comparsas, dos 6.500 euros do 2018 aos 7.500 deste ano. O prazo para apuntarse está aberto e debe formalizarse no Rexistro Xeral do Concello con anterioridade ás 14 horas do martes 26 de febreiro.
Como é habitual, haberá tres categorías: comparsas de adultos –cun número superior ás 15 persoas e maiores de 16 anos-; comparsas infantís –cun número superior ás 15 persoas pero menores de 16 anos máis aquelas persoas adultas que participen como apoio á comparsa-, e comparsas de Fene –agrupación presentada por unha sociedade con domicilio social na cidade ou agrupación de máscaras cun número superior ás 15 persoas maiores de 16 anos na que o 50% dos seus integrantes sexan veciños de Fene-.
As axudas á participación distribuiranse do seguinte xeito: 2.000 euros a partes iguais, ata un máximo de 500 euros por comparsa, entre as comparsas de adultos de Fene –e no caso de non esgotar a cuantía, o remanente distribuirase a partes iguais entre todas as comparsas de adultos participantes-; 500 euros a partes iguais entre as comparsas infantís –no caso de que non se inscriba ningunha, a cuantía distribuirase a partes iguais entre todas as comparsas de adultos participantes-, e 5.000 euros distribuiranse a partes iguais entre todas as comparsas de adultos participantes, incluídas as de Fene.
Así mesmo, as comparsas anotadas deberán participar na concentración na rúa Cádavo –fronte a Aguilar- coa que arrancará a xornada ás 17,30 horas. Partirán deste punto co desfile para acadar a praza do Alcalde Ramón Souto González e a Avenida do Concello. Alí celebrarase o festival, no que participarán, como máximo, 8 comparsas seleccionadas previamente, que interpretarán unha soa canción en lingua galega.
As bases das axudas poden consultarse nos documentos aquí relacionados.