Máis de 260 judokas tomarán parte na xornada “Xogajudo” este sábado en Fene
14-02-2019
A cita deportiva celebrarase no pavillón de A Xunqueira, a partir das 11 horas
O pavillón polideportivo de A Xunqueira acollerá este sábado 16 de febreiro a xornada “Xogajudo” da zona Lugo e Ferrol. A cita arrancará ás 11 horas e prolongarase ata as 13 e, nela, prevese a participación de 263 judokas. O campeonato está patrocinado pola Secretaría Xeral para o Deporte e a organización corre por conta da Federación Galega de Judo, coa colaboración do Concello de Fene.
Nesta fase participarán judokas de Lugo e Ferrol, cun obxectivo claro de formación por riba do competitivo. Proceden dos clubes A.M. Fene, A.D. Judo Ferrolterra, Grupo Bazán, Gimnasio Senra, Judo Club Lugo e A.D. Judo Muralla. Nestas idades tanto técnicos como federativos están dacordo en que hai que fomentar a deportividade e ese é o espíritu da competición.
Así, o regulamento está adaptado en función da idade dos practicantes nas diferentes categorías: benxamín B, benxamín, alevín e infantil.