O Concello ofrecerá no Día de Rosalía unha degustación do “Caldo de Gloria” segundo a receita que a escritora legou no seu poema “Miña casiña, meu lar”

O Concello ofrecerá no Día de Rosalía unha degustación do “Caldo de Gloria” segundo a receita que a escritora legou no seu poema “Miña casiña, meu lar”

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanza a completa programación de actos deseñados polo Concello para conmemorar a efeméride

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou esta mañá a completa programación de actos previstos polo Concello para conmemorar en Fene o Día de Rosalía, que se celebrará o 24 de febreiro. Pero, previamente á xornada central, dende este luns 18 e ata o domingo 24, a Biblioteca Municipal Xosé María Pérez Parallé albergará unha exposición de fondos bibliográficos con obras da autora galega ou sobre ela. Así mesmo, o Concello está a distribuír por todo Fene, e con especial atención aos establecementos hostaleiros, un díptico coa receita do “Caldo de Gloria”.


O domingo 24, desenvolverase o acto central. A partir das 12 horas, no xardín Rosalía de Castro, en Perlío, realizarase a ofrenda floral e o grupo de teatro Xosé María Pérez Parallé do CMI Unidade de Fene recitará poemas da escritora. De seguido, actuará o Tradicoro, que interpretará poesías de Rosalía e, ao remate, o alcalde, Gumersindo Galego, pronunciará unhas palabras. Sobre as 12,30 h, a praza da escola do Ameneiral será o escenario central onde o Concello convide á veciñanza a unha degustación popular do “Caldo de Gloria” segundo a receita que a propia Rosalía legou no seu poema “Miña casiña, meu lar”. Ademais, e ao longo da toda a mañá, realizarase un bookcrossing na parroquia de Perlío de 50 libros de Rosalía.


Nesta liña, Rocío Bértoa fixo un chamamento á veciñanza para que se sume aos actos e, aos negocios da hostalería, para que se animen a realizar o caldo seungo a receita de Rosalía e sirvan este como tapa. Sen dúbida, un aliciente máis para participar da homenaxe á escritora.


O Concello de Fene entende que a obra de Rosalía é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional. A galeguidade intrínseca dos seus textos, a súa comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.

Descargas