Preto de 680 alumnos e alumnas de Fene, Mugardos e Neda participan en Cinensino
20-02-2019
Os concellos impulsan conxuntamente o programa en colaboración coa Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia
A ferramenta pedagóxica coa que se traballa é o cinema. Así, mediante a proxección dunha película vaise profundizando e traballando en diferentes temas de interese relacionados coa prevención do consumo de drogas. O programa vai dirixido á poboación escolar de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO, ao profesorado que imparte clases nestes niveis como axentes executores do mesmo e ás familias que, mediante as ANPAS, teñen a posibilidade de organizar sesións para traballar os contidos da pelicula e con esa información desenvolver habilidades educativas que provoquen un efecto multiplicador na promoción da saúde.
As sesións nos centros contemplan o visionado da película e a entrega das unidades didácticas dirixidas ao alumnado (Caderno do Alumnado) e outras ao profesorado (Manual do Profesorado), para traballar na aula. Cada unidade didáctica desenvolve unha serie de explicacións que, dirixidas polo profesorado, permiten definir e orientar os contidos sobre os que se vai traballar e consta dunha serie de exercicios e actividades que facilitan a reflexión e participación do alumnado. Por último, ofértase un curso de formación do profesorado en Prevención de Drogodependencias a través dunha plataforma de teleformación en Internet dirixido a todos aqueles profesionais do ensino que estean interesados en ampliar os seus coñecementos no campo da prevención escolar.
As sesións comezaron este mes coas proxeccións dos filmes “Los Futbolísimos” para Primaria e “Aurora” para Secundaria e prolongaranse durante marzo. No caso de Fene, os centros participantes son: CEIP Centieiras, Jorge Juan, CPI Xunqueira e IES Fene.
Trátase, en definitiva, dun programa de Educación en Valores para a prevención do consumo de alcohol e outros trastornos aditivos e comportamentais no eido escolar a través dos medios audiovisuais e as TIC, englóbase dentro do contexto de Educación para a Saúde e pretende ser un instrumento complementario nesta área e dentro do actual sistema educativo.