O Concello convida este domingo á veciñanza a celebrar o Día de Rosalía cunha degustación do Caldo de Gloria

O Concello convida este domingo á veciñanza a celebrar o Día de Rosalía cunha degustación do Caldo de Gloria

Os actos comezarán ás 12 h no xardín que leva o nome da escritora galega en Perlío coa ofrenda floral, recital de poesía a cargo do grupo de teatro Xosé María Pérez Parallé e actuación

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, convida a veciños e veciñas a celebrar este domingo 24 o Día de Rosalía achegándose a partir das 12 horas aos xardíns que levan o nome da escritora en Perlío e participando da programación deseñada polo Concello. Arrancará coa ofrenda floral, e o grupo de teatro Xosé María Pérez Parallé do CMI Unidade de Fene recitará poemas da escritora. De seguido, actuará o Tradicoro, que interpretará poesías de Rosalía e, ao remate, o alcalde, Gumersindo Galego, pronunciará unhas palabras. Sobre as 12,30 h, a praza da escola do Ameneiral será o escenario central onde o Concello convide á veciñanza a unha degustación popular do “Caldo de Gloria” segundo a receita que a propia Rosalía legou no seu poema “Miña casiña, meu lar”. Ademais, e ao longo da toda a mañá, realizarase un bookcrossing na parroquia de Perlío de 50 libros de Rosalía.


Unha receta, a do “Caldo de Gloria”, que o Concello distribuíu por todo Fene, e con especial atención aos establecementos hostaleiros. Por iso, fai un chamamento para que estes se sumen tamén aos actos e se animen a realizar o caldo segundo a receita de Rosalía e sirvan este como tapa.


O Concello de Fene entende que a obra de Rosalía é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional. A galeguidade intrínseca dos seus textos, a súa comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.