O Concello de Fene conmemora este mes o Día da Muller con teatro, cine, exposicións, lecturas e moito debate
A concelleira de Benestar Social, Juana Barro, avanza que os actos darán comezo este venres co XVII Maratón de lectura “Fene lendo Mulleres”, a exposición “As mulleres alimentan o mundo” e unha mesa de experiencias
12-03-2019
As accións continuarán o venres 22 cun cinefórum e o venres 29 cunha obra de teatro e un debate posterior entre o público asistente
A concelleira de Benestar Social, Juana Barro, avanzou esta mañá que o Concello continuará conmemorando ao longo do mes de marzo o Día Internacional da Muller e, amais dos obradoiros en centros educativos, a programación deseñada incluirá toda unha serie de exposicións, obras de teatro, cine, lecturas e debates.
Así, este venres 15 de marzo a Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé albergará, dende as 9 e ata as 14 horas, a XVII edición do Maratón de lectura “Fene Lendo Mulleres”; as instalacións da Casa da Cultura serán tamén escenario da mostra “As Mulleres alimentan o mundo” sobre comercio xusto, que poderá visitarse nesa mesma xornada, e a partir das 19 horas, o Concello celebrará unha mesa de experiencias e debate no salón de actos do centro cultural. Será baixo o lema “Mulleres Traballadoras. Vivencias” e nela tomarán a palabra a pediatra Josefa García Santiago; a traductora Olga Santiago Pérez; a panadeira Manuela Carneiro Fernández, a mediadora de seguros Amalia Botas Lamas e a matemática Erica Diz Pita. Unha interesante proposta con entrada libre.
Ademais, a programación continuará os seguintes venres. O día 22, cunha sesión de cinefórum: proxectarase a curta “Tecido resistente” a partir das 19 hora no salón de actos da Casa da Cultura e, ao seu remate, iniciarase un coloquio coa súa directora. Por último, o venres 29 a compañía Criando Malvas representará a peza “Mullerazas”, tamén no salón de actos da Casa da Cultura ás 18,30 horas e, de seguido, terá lugar un coloquio.