Proxección da curta “Tecido resistente” e debate posterior este venres en Fene

Proxección da curta “Tecido resistente” e debate posterior este venres en Fene

A concelleira de Benestar Social, Juana Barro, avanza que a actividade, incluída nos actos do 8M, celebrarase na Casa da Cultura ás 19 h

No marco dos actos deseñados para conmemorar o Día da Muller, a concelleira de Benestar Social, Juana Barro, informou esta mañá de que o Concello organizará este venres 22 de marzo unha sesión de cinefórum. Con entrada libre, celebrarase no salón de actos da Casa da Cultura, a partir das 19 horas, e incluirá a poxección do curtometraxe “Tecido resistente” e un debate posterior coa directora, Marina Chiavegatto.


“Tecido resistente” é a historia dos centos de mulleres que cambiaron por completo a economía e a organización social de toda unha comarca no inicio do século XX en Galicia. Tiñan 14 anos cando comezaron a traballar en Hilados y Tejidos de Vilasantar. Cobraban 37 pesetas á semana e, con eses cartos, mantiñan a economía familiar. Pronto descubriron que o salario fixo que recibían era algo máis que só uns cantos billetes: eran a súa independencia, o empoderamento feminino antes incluso de que ese concepto chegara a Galicia. A súa incorporación ao traballo remunerado e industrial cambiou a forma na que se organizaba a sociedade na que vivían. Agora, máis de 50 anos despois do peche da fábrica, pódese escoitar esta historia a través da voz das súas protagonistas.
Todos os actos están subvencionados pola Secretaría Xeral da Igualdade e programa operativo do Fondo Social Europeo (FSE Galicia 2014-2020)