A Casa da Cultura acolle este venres a representación teatral “Mullerazas”

A Casa da Cultura acolle este venres a representación teatral “Mullerazas”

A concelleira de Benestar Social, Juana Barro, apunta que a función, a cargo da compañía Criando Malvas, dará comezo ás 18,30 horas

No marco dos actos deseñados para conmemorar o Día da Muller, a concelleira de Benestar Social, Juana Barro, informou esta mañá de que a Casa da Cultura de Fene acollerá mañá venres 29 de marzo a representación da obra teatral “Mullerazas”, a cargo da compañía Criando Malvas. A función dará comezo ás 18,30 horas con entrada libre e de balde e, ao seu remate, dará comezo un debate en torno á obra.


Esta obra pretende contribuír á sensibilización e visibilidade da muller a través da historia, en pasado, presente e futuro, presentada dun xeito sinxelo e accesible. Mulleres silenciadas en todos os sentidos, comezando polos libros de texto... A obra convida a deixarse levar por esta curta e interminable aventura acontecida nun fado máxico propiciado pola fantasías de dúas protagonistas. Está dirixida a familias con crianzas de idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos.


O acto está subvencionado pola Secretaría Xeral da Igualdade e programa operativo do Fondo Social Europeo (FSE Galicia 2014-2020)