O Concello conmemora mañá o Día do Libro Infantil e Xuvenil ampliando o número de obras en préstamo e con libro de agasallo

O Concello conmemora mañá o Día do Libro Infantil e Xuvenil ampliando o número de obras en préstamo e con libro de agasallo

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, explica que ao longo do mes a Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé tamén acollerá unha mostra bibliográfica adicada ao libro infantil e xuvenil

Para conmemorar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil que se celebra mañá 2 de abril, a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, explicou que a Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé ofrecerá, durante todo o mes, unha mostra bibliográfica adicada ao libro infantil e xuvenil. Será unha exposición seleccionada tamén coa axuda dos usuarios/as, xa que no mostrador porase á súa disposición unhas tarxetas para que escriban o título do seu libro favorito infantil ou xuvenil, e colocaranse no espazo adicado á mostra.


Así mesmo, mañá martes incrementarase o número de obras que se poden levar en préstamo para todas as persoas usuarias que leven algún libro da sección infantil ou xuvenil, e, ademais, esas persoas levarán un libro de agasallo. Deste xeito, o préstamo, ao longo da xornada, será dobre, quedando así: 10 libros, 4 audiovisuais, 4 sonoros, 4 revistas e 2 arquivos de ordenador, como máximo por cada persoa usuaria.


Desde 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil co fin de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.