O Concello conmemora o Día do Libro agasallando obras aos usuarios da Biblioteca e con contacontos infantil
A narradora Paula Regueiro ofrecerá o seu contacontos “1, 2, 3! A que non o ves?” este xoves ás 18 horas, con entrada de balde ata completar aforo
22-04-2019
A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanza que durante toda a xornada deste martes duplicaranse as obras en préstamo
A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou esta mañá que o Concello de Fene conmemorará este ano o Día do Libro duplicando as obras que os usuarios e usuarias da Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé poden levar en préstamo. Deste xeito, queda así: 10 libros, 4 audiovisuais, 4 sonoros, 4 revistas e 2 arquivos de ordeador como máximo por persoa. Así mesmo, recibirán como agasallo un libro.
Ademais, este xoves, 25 de abril, a Biblioteca acollerá o contacontos “1, 2, 3! A que non o ves?”, a cargo de Paula Regueiro, de Trémola Teatro. Dará comezo ás 18 horas, con entrada libre e de balde ata completar aforo, e a obra está especialmente pensada para un público infantil, de 3 a 8 anos. Aínda que a protagonista da historia non viu nunca ningún monstro, dende nena tenlles moito medo. Por iso decide que, cando sexa o suficientemente maior, converterase en exploradora e irá en busca dos monstros. A través de diferentes historias o público poderá recorrer os distintos países, ata deixar de terlles medo.
Por último, o venres 26 a Biblioteca publicará o boletín coas novidades editoriais da primavera para as persoas adultas.