Preto de 600 estudantes tomarán parte nas Xornadas de Xogos Populares Escolares
22-05-2019
Organizadas polo Concello, celebraranse este xoves e venres pola mañá
Preto de 600 nenos e nenas dos centros educativos de Fene tomarán parte este xoves e venres, 23 e 24 de maio, nas Xornadas de Xogos Populares Escolares. Así, na xornada de mañá participará o estudantado do CPI A Xunqueira e do CEIP Centieiras, namentras que o venres fará o propio o do Colexio Jorge Juan, CEIP O Ramo e CEIP Os Casais.
No caso de bo tempo, as xornadas desenvolveranse no exterior do pavillón polideportivo da Xunqueira e, en caso contrario, no interior do recinto deportivo.
Esta é unha unha actividade na que se realizarán xogos populares tradicionais de cara ao seu coñecemento, de xeito que todo o alumnado participe simultaneamente nas diferentes actividades. Os xogos populares previstos son: o soga-tira, carreiras de sacos e carreiras a gatas, salto de corda, lanzamentos: a chave con pellos metálicos e con pellos de madeira, a ra..., o brilé, xogos de habilidade: zancos, pesca de botellas...
Finalmente, se o tempo o permite, realizaranse as carreiras de campo a través coas seguintes distancias: 1º e 2º de primaria: 150 metros; 3º e 4º de primaria: 225 metros, e 5º e 6º de primaria: 375 metros.
O Concello farase cargo do transporte do alumnado e profesorado responsable dende os respectivos centros de ensino ata o lugar de realización, así como da organización das probas.