Aberta a inscrición nos encontros de mulleres do Proxecto INDIRA

Aberta a inscrición nos encontros de mulleres do Proxecto INDIRA

A actividade, que impulsa a Concellería de Igualdade, inclúese no Programa de Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero

A Concellería de Benestar Social e Igualdade, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, poñerá en marcha do 4 de xuño ao 13 de agosto o Proxecto INDIRA, Encontros de Mulleres. Unha actividade enmarcada no Programa de Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero. Celebrarase todos os martes, de 10,30 a 12,30 horas no Centro Municipal de Servizos Sociais (Avenida do Mar, Bloque 1-Baixo).


Dita actividade vai dirixida principalmente a mulleres que sufriron violencia machista aínda que pode participar calquera muller que desexe mellorar a súa autoestima, coñecerse, respectarse, medrar persoalmente, potenciar o seu autocoidado a nivel emocional e psicolóxico e, sobre todo, empoderarse. Iso si, para participar é preciso inscribirse previamente ben achegándose ao Centro Municipal de Servizos Sociais ben chamando aos teléfonos 981342607 ou 981492706 ben enviando un correo electrónico ao enderezo servizos.sociais@fene.gal (indicando nome e apelidos e teléfono de contacto).

As consecuencias que sofren as mulleres que atravesan un proceso de violencia machista requiren dun proceso persoal de aceptación e coidado persoal, que lles permita reparar parte do dano causado. Os encontros grupais entre persoas facilitan unha apertura emocional para o intercambio de experiencias e a xeración de relacións amables coas que compartir tempos e pensamentos.

“Proxecto Indira” constitúe un espazo onde as mulleres poden experimentar, coñecerse, medrar xuntas, relaxarse e gozar. É unha proposta activa e mobilizadora da condición feminina, co obxectivo de apoiar unha transformación real na vida das mulleres, pola súa propia saúde individual e familiar.


Os grupos estarán dirixidos por unha psicoterapeuta con ampla experiencia en traballo con mulleres, terapia do reencontro, igualdade e violencia de xénero. Así, entre os seus obxectivos estará promover o autocoñecemento e o autocoidado; desenvolver a consciencia corporal e sexual; conectar as vivencias das mulleres participantes; fortalecer a súa consciencia como persoas de dereito e respecto; empoderar as dimensións da súa persoa: mental, física e emocional; reparar e promover relacións afectivas positivasaumentar a sensación de comprensión, apoio e coidado, e poñer en práctica ferramentas que lles permitan unha mellor xestión das emocións.