O Concello activa Fene Dron, un proxecto divulgativo e formativo sobre o uso desta tecnoloxía dirixido á mocidade

O Concello activa Fene Dron, un proxecto divulgativo e formativo sobre o uso desta tecnoloxía dirixido á mocidade

Ofertaranse 44 prazas nos diferentes obradoiros gratuítos que impulsará o Concello coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta

A inscrición abrirase o luns 10 para a veciñanza de Fene e, de non cubrirse as prazas, abrirase o programa aos veciños e veciñas doutros municipios

O Concello activa Fene Dron, un proxecto divulgativo e formativo sobre o uso da tecnoloxía de drons e as súas aplicacións en beneficio da sociedade. Un proxecto que conta coa colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude da Xunta e que facilitará a formación de 44 mozos e mozas de entre 14 e 30 anos non só en voar drons, senón en todos os coñecementos vinculados ao mundo dos drons e ás disciplinas STEM: enxeñería, impresión 3D, electricidade, electrónica....

Aprenderán a soldar cables, nocións de impresión 3D, o funcionamento dos motores eléctricos, sobre baterías e voltaxes, a estimación de tempo de voo en función do peso, aprenderán a construÍr un dron... e unha morea de coñecementos prácticos que os axudarán a emprender unha aprendizaxe autónoma nesta disciplina.


As inscricións son gratuítas e deberán formalizarse no Departamento de Xuventude (Avenida de Naturais, 44, entresollado) nas seguintes datas: os/as veciños/as de Fene, do luns 10 ao mércores 12 de xuño en horario de 9 a 14 horas –e o luns tamén de 16 a 18 h-, e a veciñanza doutros concellos, o xoves 13 e o venres 14 de xuño de 9 a 14 horas (iso si, tan só no caso de que quedasen prazas vacantes, cuestión que se difundirá a través da web www.fene.gal). Para formalizar a inscrición é preciso achegar a ficha de inscrición –para os/as menores de 18 anos, hai que cubrir tamén a autorización do pai/nai ou representante legal- e o volante de empadroamento –só para a veciñanza de Fene-. Así, as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Deste xeito, ofertaranse tres obradoiros. O primeiro, dirixido a rapaces e rapazas de entre 14 e 18 anos cumpridos, con 24 prazas, 12 en cada quenda, celebrarase no pavillón da Xunqueira entre o 24 de xuño e o 11 de xullo –de luns a xoves- e exhibición final o sábado 13 de xullo. A primeira quenda será de 10 a 11,30 h e, a segunda, de 12 a 13,30 h. O segundo vai dirixido a persoas de entre 18 e 30 anos sen coñecementos previos en drons e ofértanse 10 prazas. Celebrarase tamén no pavillón da Xunqueira, os días 28 de xuño e 5 e 12 de xullo de 10,30 a 12,30 h e exhibición final o 13 de xullo. O terceiro está pensado para persoas de entre 18 e 30 anos con experiencia e coñecementos previos en drons, tamén con 10 plazas, celebración na Xunqueira os días 29 de xullo e 6 de xullo de 10,30 a 12,30 h e exhibición final o 13 de xullo.

O programa formativo completo pode descargarse neste web municipal e as persoas interesadas en obter máis información poden dirixirse ao Departamento de Xuventude (Avda. Naturais, 44, entresollado dereita, 15500 Fene), no tlf. 981 340 366 ou correo electrónico cultura.deportes@fene.gal.

Descargas