O alumnado do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity expón en Fene as súas creacións
05-06-2019
Inauguran mostra este venres ás 19,30 horas na Casa da Cultura nun acto que contará coa actuación da banda Grey City Funk
Os alumnos e alumnas do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity que dirixe a artista local Laura Bouza inaugurarán este venres a súa primeira mostra colectiva baixo o título “Libros de Artista “Animalario””. Será na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor, a partir das 19,30 horas, con entrada libre e de balde e a actuación estelar da banda Grey City Funk.
A partir dese momento, a mostra poderá visitarse ata o 30 de xullo (inclusive) de luns a venres de 10 a 13 horas e de 18 a 21 horas, e os sábados de 10 a 13 h (a partir do día 21, de luns a venres de 10 a 14,15 horas).
Trátase dunha expo colectiva (nenos e adultos) dos alumnos e alumnas do Laboratorio que, neste curso, foron uns 65. Amosarán o traballo realizado en torno aos libros de artista baixo o título "Animalario". Todos teñen o mesmo formato e soporte, sen embargo todos son distintos. O contido dos libros son as imaxes e a palabra (logo levan texto). Segundo Laura Bouza, responsable de Laudas Calamity, queren que esta sexa unha expo didáctica e poder explicar ao público en que consiste crear un libro de artista. Falar da composición, debuxo, distintas técnicas...
Sobre Laura Bouza
Comeza a súa formación na Escola Mestre Mateo (Santiago de Compostela) para logo irse a estudar a Bilbao Belas Artes onde se licencia pola UPV-EHU. Logo continua a súa formación en Pontevedra co Máster en Libro Ilustrado e Animacíón Audiovisual (Universidade de Vigo), entre outros cursos. É a ideóloga e responsable do Laboratorio de Creación Artística, Laudas Calamity, onde na actualidade imparte clases de educación artística e desenvolve a sua actividade como artista.