A Casa da Cultura acolle a exposición Libros de Artista “Animalario” do alumnado do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity
10-06-2019
Poderá visitarse ata o 30 de xullo en Fene
Multitudinaria. Así foi a inauguración de Libros de Artista “Animalario”, a primeira exposición colectiva dos alumnos e alumnas do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity que dirixe a artista local Laura Bouza. A sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor quedouse pequena neste acto, presidido polo alcalde, Gumersindo Galego.
A mostra pode visitarse ata o 30 de xullo (inclusive) de luns a venres de 10 a 13 horas e de 18 a 21 horas, e os sábados de 10 a 13 h (a partir do día 21, de luns a venres de 10 a 14,15 horas).
Trátase dunha expo colectiva (nenos e adultos) dos alumnos e alumnas do Laboratorio que, neste curso, foron uns 65. Amosan nela o traballo realizado en torno aos libros de artista baixo o título "Animalario". Todos teñen o mesmo formato e soporte, sen embargo todos son distintos. O contido dos libros son as imaxes e a palabra (logo levan texto). Segundo Laura Bouza, responsable de Laudas Calamity, queren que esta sexa unha expo didáctica e poder explicar ao público en que consiste crear un libro de artista. Falar da composición, debuxo, distintas técnicas...