Un total de 679 alumnos e alumnas dos centros educativos de Fene, Mugardos e Neda tomaron parte no programa Cinensino

Un total de 679 alumnos e alumnas dos centros educativos de Fene, Mugardos e Neda tomaron parte no programa Cinensino

Promovido polos tres concellos, esta semana celebrábanse as últimas xornadas

Un total de 679 alumnos e alumnas de 13 centros educativos dos municipios de Fene, Mugardos e Neda participaron ao longo das últimas semanas no programa Cinensino que impulsaron os tres concellos ao abeiro do proxecto de prevención de condutas aditivas e promoción da saúde no eido local e co apoio da Consellería de Sanidade. Esta semana chegaba ao seu fin por este curso, cos últimos visionados nos centros dos filmes seleccionados (“Coco” para Educación Primaria e “Una bolsa de canicas” para Secundaria).


A ferramenta pedagóxica coa que se traballou foi o cinema. Así, mediante a proxección dunha película foise profundizando e traballando en diferentes temas de interese relacionados coa prevención do consumo de drogas. O programa estivo dirixido á poboación escolar de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO, ao profesorado que imparte clases nestes niveis –tomaron parte 38 docentes- como axentes executores do mesmo e ás familias que, mediante as ANPAS, teñen a posibilidade de organizar sesións para traballar os contidos da pelicula e con esa información desenvolver habilidades educativas que provoquen un efecto multiplicador na promoción da saúde.

As sesións nos centros contemplaron o visionado da película e a entrega das unidades didácticas dirixidas ao alumnado (Caderno do Alumnado) e outras ao profesorado (Manual do Profesorado), para traballar na aula. Cada unidade didáctica desenvolvía unha serie de explicacións que, dirixidas polo profesorado, permitían definir e orientar os contidos sobre os que se ía traballar e constaba dunha serie de exercicios e actividades que facilitaron a reflexión e participación do alumnado. Por último, ofertábase un curso de formación do profesorado en Prevención de Drogodependencias a través dunha plataforma de teleformación en Internet dirixido a todos aqueles profesionais do ensino que estivesen interesados en ampliar os seus coñecementos no campo da prevención escolar.


No caso de Fene, os centros participantes foron: CEIP Centieiras, Jorge Juan, CPI Xunqueira e IES Fene.

Trátase, en definitiva, dun programa de Educación en Valores para a prevención do consumo de alcohol e outros trastornos aditivos e comportamentais no eido escolar a través dos medios audiovisuais e as TIC, englóbase dentro do contexto de Educación para a Saúde e pretende ser un instrumento complementario nesta área e dentro do actual sistema educativo.