Festa acuática este sábado na piscina de Centieiras
21-06-2019
Participará o alumnado das escolas municipais, a partir das 10,30 h
A piscina municipal de Centieiras acollerá este sábado, 22 de xuño, a Festa Acuática de clausura das escolas de natación impulsadas polo Concello de Fene, a través da Concellería de Deportes ao longo do presente curso. Clases nas que toman parte uns 500 nenos e nenas en diferentes quendas e que continuarán ata finais de mes.
Na festa deste sábado, prevese a asistencia duns 300 nenos e nenas, que realizarán diferentes xogos acuáticos con diversos materiais acordes á idade, dende tobogáns ata inchables, tapices flotantes, lanchas…
Así, de 10,30 a 11,30 horas será o turno da natación para bebés (de 6 meses a 3 anos), acompañados obrigatoriamente dunha persoa adulta e posibilidade dun segundo acompañante; de 11,30 a 12,30 horas, da natación primeira infancia (de 3 a 6 anos), que deben ir acompañados dunha persoa adulta, e, de 12,30 a 13,30 horas, natación infantil (de 6 a 12 anos).