Fene conmemora o 25 de xullo co Ciclo “Día de Galicia”, que incluirá os concertos de Setestrelo e De Vacas e a Festa dos Avós
A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou esta mañá unha semana cargada de actividades que arrancará este mesmo venres
01-07-2019
O Concello de Fene, a través da Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa, presentou esta mañá os actos do ciclo Día de Galicia cos que se conmemorará tan sinalada data. Uns actos que se estenderán por espazo dunha semana e que arrancarán este venres, 5 de xullo. A música será a principal protagonista, con concertos para todos os gustos, e a estes sumaranse espectáculos de novo circo a pé de rúa. Ademais, o Concello volve a apostar pola multitudinaria Festa dos Avós, con xantar popular incluído gratuíto.
A edil de área avanza que todas as actividades se celebrarán baixo carpa, na praza do Alcalde Ramón Souto González, agás a declaración institucional que, como é tradición, se realizará no Monumento “Día da Patria Galega”, no parque lineal do Río Cádavo, e correrá a cargo da artista local Laura Bouza, de LauDas Calamity, Laboratorio de Creación Artística.
Bértoa apunta que todos os concertos serán gratuítos e agradece a colaboración da Deputación, a través da Rede Cultural, e da Xunta, a través de Agadic, xa que apoian a programación participando da súa financiación.
Setestrelo será o encargado de inaugurar a programación este venres 5 de xullo. A partir das 22,30 horas, presentará o seu espectáculo “O Camiño”. Un percorrido polos diversos camiños de Santiago que entran en Galicia, posto en escena mediante a mestura de fotografía, vídeo, presentación teatralizada, canto e música. Setestrelo quere, con este espectáculo, levar ao publico á fantasía de facer O Camiño de Santiago dende a súa butaca e poñer en valor a nosa música. Para isto recurre a músicas tanto das zonas por onde transcorren os camiños como das súas áreas de influencia, músicas de autor e temas compostos para ese camiño en concreto.
A programación continuará o luns 8 de xullo co espectáculo Isla Inmobile a cargo da compañía Isla Letriska. A función arrancará ás 21 h. Malabares, pallaso, equilibrios... Xunto a excentricidades e xogos co público. Un personaxe eléctrico e bastante tolo sorprenderá a todos realizando proezas como: malabares incribles, memorizar centos de nomes, darlles novos usos a obxectos cotiáns, pelexar co público ou converter a un neno nun grande artista de circo. Habilidade, perspicacia, velocidade mental e sobre todo tolería, moita tolería.
Ao día seguinte, martes 9 de xullo, o prestixioso mago Cayetano Lledó ofrecerá o seu espectáculo Lafayette Show. A partir das 21 horas e para un público familiar, trátase dun show que combina o encanto da maxia e o ilusionismo co teatro, a comedia, a interpretación, a música, a danza, a hipnose, o mentalismo e unha mestura de artes afíns.
O mércores 10 de xullo, ás 20 horas, a praza acollerá unha cita máis que tradicional: o Certame de Habaneiras e Canto Coral, coa participación das corais polifónicas do CPS de San Valentín, ACDR O Pote de Maniños; SCRD Agarimo de Sillobre e Eterna Xuventude do Centro Social de Fene. Tamén, das rondallas “Perla do Río” do CCRD de Perlío e “Estrelecer” do CMI Unidade de Fene e do Tradicoro.
A Festa dos Avós celebrarase o xoves 11 de xullo, a partir das 20 horas. Nela, distribuiranse gratuitamente racións –churrasco, bola, empanada e botella de auga- ata rematar existencias. Así mesmo, dende o Concello sinálase que a recadación das bebidas destinarase a Cáritas. Ademais do reclamo gastronómico, a zona contará con inchables para nenos e nenas. Nesta liña, dende a organización apúntase que, dado o éxito rexistrado en edicións anteriores, é preciso lembrar aos asistentes que, por razóns de espazo, as mesas e as cadeiras son limitadas e ocuparanse a partir das 19,45 horas por orde de chegada; que é preciso ocupar as cadeiras de forma presencial e que non está permitido darlles a volta nin ocuplas con bolsas e outros obxectos; pídese facilitar o acceso das persoas maiores ou con problemas de mobilidade, e deixar libres mesas e cadeiras cando se remate de xantar e tirar o lixo nos colectores. Ao remate da degustación, sobre as 22,30 horas, actuación estelar da orquestra La Trova Coruñesa, que traerá o seu espectáculo “Sabor a Min”.
O venres, pechando a programación, e ás 20,30 horas, lectura da Declaración Institucional no Monumento Día da Patria Galega a cargo de Laura Bouza, responsable de LauDas Calamity. Laboratorio de Creación Artística e, a partir das 22 horas, concerto de De Vacas, que presentará o disco “Tour vacanal 2019”. Un espectáculo fresco como a auga dos regos. Unha mistura de voces e guitarra, armonías que estimulan os sentidos. Gañaron premios, fixeron galas, bandas sonoras para programas de radio e televisión e músicas para anuncios publicitarios. Do Land Rober ao Luar, cantan en tódolos idiomas do mundo, pero aman aos nosos poetas por riba de todo. Rescatan retrousos olvidados, tarareos que foran populares nas voces de Cristina da Aguieira ou Mónica da Laranxeira. A vida ao seu lado toda é un carnival.