O Concello propón un sinfín de actividades para disfrutar do Día do Deporte na Rúa
Celebrarase este domingo, 7 de xullo, de 10,30 a 14 h e, entre as actividades, haberá baloncesto e basket en cadeira de rodas, esgrima de foam, deportes de raqueta, slakline, carreiras ou voleibol xigante
02-07-2019
O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, informou esta mañá de que a Concellería de Deportes celebrará este domingo, 7 de xullo, o Día do Deporte na Rúa. E farao cunha morea de propostas. Así mesmo, aqueles que participen en tres actividades ou máis recibirán unha camiseta conmemorativa da xornada ata esgotar existencias.
Os escenarios onde se desenvolverán as actividades do Día do Deporte na Rúa serán a Avenida de Tarrío, a rúa San Salvador e arredores do Círculo de Perlío. E, os horarios, de 10,30 a 14 horas.
As actividades son: equilibrismo (zancos, cable, monociclos, rulos, pedaletas), malabarismo (pelotas, platos, panos, cariocas, diábolos), obradoiro de chapas personalizadas conmemorativas, xogos infantís, baloncesto, baloncesto en cadeira de rodas, xogos tradicionais, obradoiros de enredo, slakline, fútbol, esgrima de foam por equipos, deportes de raqueta (bádminton, indiaka, shutleball…), carreiras, saltos, lanzamentos, tiro con arco, voleibol xigante, e decora a túa camiseta.
Nesta liña, o alcalde convida a todo o mundo a sumarse á iniciativa e agradece especialmente a colaboración do colexio Jorge Juan, CCRD Perlío e Amigos da Chave de Ferrolterra na mesma.
En caso de choiva, as actividades trasladaríanse ao pavillón de A Xunqueira.