O alcalde, Gumersindo Galego, apunta que deste xeito o Concello inaugura o ciclo Día de Galicia para conmemorar esta data
Setestrelo trae a Fene este venres o seu espectáculo “O Camiño”
Con entrada libre, a actuación terá lugar a partir das 22,30 horas baixo carpa, na praza do Alcalde Ramón Souto González
04-07-2019
Setestrelo será o encargado de inaugurar mañá venres, a partir das 22,30 horas, a programación do ciclo Día de Galicia coa que o Concello de Fene, tal e como sinalou o alcalde, Gumersindo Galego, conmemorará tan sinalada data. Ofrecerá o seu espectáculo, como os restantes, na praza do Alcalde Ramón Souto González, baixo carpa e, tamén como o resto das propostas, será gratuíta e con entrada de balde.
Setestrelo traerá a Fene o seu espectáculo “O Camiño”. Un percorrido polos diversos camiños de Santiago que entran en Galicia, posto en escena mediante a mestura de fotografía, vídeo, presentación teatralizada, canto e música. Setestrelo quere, con este espectáculo, levar ao publico á fantasía de facer O Camiño de Santiago dende a súa butaca e poñer en valor a nosa música. Para isto recurre a músicas tanto das zonas por onde
transcorren os camiños como das súas áreas de influencia, músicas de autor e temas compostos para ese camiño en concreto.
Ademais, a programación continuará o luns 8 de xullo co espectáculo Isla Inmobile a cargo da compañía Isla Letriska. A función arrancará ás 21 h.
Malabares, pallaso, equilibrios... Xunto a excentricidades e xogos co público. Un personaxe eléctrico e bastante tolo sorprenderá a todos realizando proezas como: malabares incribles, memorizar centos de nomes, darlles novos usos a obxectos cotiáns, pelexar co público ou converter a un neno nun grande artista de circo. Habilidade, perspicacia, velocidade mental e sobre todo tolería, moita tolería.
Ao día seguinte, martes 9 de xullo, o prestixioso mago Cayetano Lledó ofrecerá o seu espectáculo Lafayette Show. A partir das 21 horas e para un público familiar, trátase dun show que combina o encanto da maxia e o ilusionismo co teatro, a comedia, a interpretación, a música, a danza, a hipnose, o mentalismo e unha mestura de artes afíns.