Circo a pé de rúa este luns en Fene da man da compañía Isla Letriska
A proposta do Concello de Fene arrancará ás 21 horas na praza do Alcalde Ramón Souto González, incluída no ciclo Día de Galicia
05-07-2019
O ciclo Día de Galicia, organizado polo Concello de Fene para conmemorar tan sinalada data, continuará este luns, 8 de xullo, na praza do Alcalde Ramón Souto González, epicentro da programación. Será da man da compañía Isla Letriska, que presentará en Fene o seu espectáculo “Isla Inmobile” a partir das 21 horas, baixo carpa e con entrada libre e de balde.
Malabares, pallaso, equilibrios... Xunto a excentricidades e xogos co público. Un personaxe eléctrico e bastante tolo sorprenderá a todos realizando proezas como: malabares incribles, memorizar centos de nomes, darlles novos usos a obxectos cotiáns, pelexar co público ou converter a un neno nun grande artista de circo. Habilidade, perspicacia, velocidade mental e sobre todo tolería, moita tolería. Unha proposta pensada para disfrutar en familia, para todos os públicos.
Na mesma liña, ao día seguinte, martes 9 de xullo, o prestixioso mago Cayetano Lledó ofrecerá o seu espectáculo Lafayette Show. A partir das 21 horas e para un público familiar, trátase dun show que combina o encanto da maxia e o ilusionismo co teatro, a comedia, a interpretación, a música, a danza, a hipnose, o mentalismo e unha mestura de artes afíns.
O mércores 10 de xullo, ás 20 horas, a praza acollerá unha cita máis que tradicional: o Certame de Habaneiras e Canto Coral, coa participación das corais polifónicas do CPS de San Valentín, ACDR O Pote de Maniños; SCRD Agarimo de Sillobre e Eterna Xuventude do Centro Social de Fene. Tamén, das rondallas “Perla do Río” do CCRD de Perlío e “Estrelecer” do CMI Unidade de Fene e do Tradicoro.
A Festa dos Avós celebrarase o xoves 11 de xullo, a partir das 20 horas. Nela, distribuiranse gratuitamente racións –churrasco, bola, empanada e botella de auga- ata rematar existencias. Así mesmo, dende o Concello sinálase que a recadación das bebidas destinarase a Cáritas. Ademais do reclamo gastronómico, a zona contará con inchables para nenos e nenas.
Nesta liña, dende a organización apúntase que, dado o éxito rexistrado en edicións anteriores, é preciso lembrar aos asistentes que, por razóns de espazo, as mesas e as cadeiras son limitadas e ocuparanse a partir das 19,45 horas por orde de chegada; que é preciso ocupar as cadeiras de forma presencial e que non está permitido darlles a volta nin ocuplas con bolsas e outros obxectos; pídese facilitar o acceso das persoas maiores ou con problemas de mobilidade, e deixar libres mesas e cadeiras cando se remate de xantar e tirar o lixo nos colectores. Ao remate da degustación, sobre as 22,30 horas, actuación estelar da orquestra La Trova Coruñesa, que traerá o seu espectáculo “Sabor a Min”.
O venres, pechando a programación, e ás 20,30 horas, lectura da Declaración Institucional no Monumento Día da Patria Galega a cargo de Laura Bouza, responsable de LauDas Calamity. Laboratorio de Creación Artística e, a partir das 22 horas, concerto de De Vacas, que presentará o disco “Tour vacanal 2019”. Un espectáculo fresco como a auga dos regos.
Unha mistura de voces e guitarra, armonías que estimulan os sentidos.
Gañaron premios, fixeron galas, bandas sonoras para programas de radio e televisión e músicas para anuncios publicitarios. Do Land Rober ao Luar, cantan en tódolos idiomas do mundo, pero aman aos nosos poetas por riba de todo. Rescatan retrousos olvidados, tarareos que foran populares nas voces de Cristina da Aguieira ou Mónica da Laranxeira. A vida ao seu lado toda é un carnival.
Nesta liña, o Concello de Fene agradece a colaboración da Deputación, a través da Rede Cultural, e da Xunta, a través de Agadic, xa que apoian a programación participando da súa financiación.